Tuesday 30 de April de 2024

O PSOE vota contra da moción de confianza do alcalde a insta aos grupos “a non permitir que se ningunee a vontade da veciñanza”



Alejandro Manteiga critica que o alcalde “me pida que confíe na súa palabra e que moitas das nosas demandas tiñan acomodo nos orzamentos e ao día seguinte estaba dicindo nos medios que pedíamos ilegalidades”

O PSOE de Ordes volveu votar en contra da proposta de Orzamentos presentada ao Pleno Municipal polo alcalde ordense baixo a forma de moción de confianza, que foi rexeitada cos 11 votos en contra de todos os grupos municipais e que só foi apoiada polos 5 votos do Grupo de Goberno. Unha votación que abre agora un período de 30 días para que os grupos municipais da oposición presenten unha moción de censura contra o alcalde de Ordes ou os orzamentos quedarán aprobados de xeito automático.

Unha situación ante a cal o voceiro municipal socialista, Alejandro Manteiga, fixo un chamamento aos demais grupos “a dicirlle a este Goberno que este Pleno non vai permitir que se ningunee a vontade dos veciños e veciñas de Ordes. Penso é o momento de dar un paso adiante e ser congruente. Non podemos estar todos de acordo con que estes orzamentos son prexudiciais e permitir que se executen por diferenzas entre nós. É o momento do diálogo e de pensar no mellor para a veciñanza de Ordes”.

Situación insostible

Manteiga recoñeceu que dende o Partido Socialista “non falamos nunca da presentación dunha moción de censura pois matematicamente temos que lamentar que non somos imprescindibles nin para apoiala nin para parala. Sen embargo pensamos que a situación en Ordes é insostible e gustaríame facer un chamamento aos membros dos outros grupos da oposición para ser consecuentes e responsables co que estamos votando hoxe aquí. Imos permitir que saian adiante uns orzamentos prexudiciais para a veciñanza de Ordes? Imos permitir que cinco concelleiros utilicen unha artimaña legal para impoñer a súa vontade á maioría do pobo de Ordes aquí representado? Porque iso é o que vai pasar e iso é co que conta o señor alcalde. Conta con que non seremos quen de poñernos de acordo para buscar unha solución e saírse coa súa”.

Neste sentido, o voceiro municipal socialista lembrou que “hoxe levou un segundo non rotundo aos seus orzamentos por parte de 11 concelleiros de catro grupos municipais moi diferentes, pero que coincidimos nunha cousa: en que os seus orzamentos non son bos para Ordes. Non perde esta votación porque haxa dous concelleiros do seu partido no grupo mixto, pérdea porque somos 11 concelleiros contra 5. Calquera persoa con sentido común, cando ve que todo o mundo lle di que está equivocado, cando menos revisa ou replantea as súas razóns. Pero vostede optou polo enfrontamento e o pataleo para facer o que lle dea a gana”.

Confianza

O voceiro socialista asegurou que o nome de “moción de confianza” non podía estar mellor traído neste caso, “pois o señor Martínez Sanjurjo perdeu a confianza de todos”. “A semana pasada pediume que confiara na súa palabra, que moitas das nosas demandas tiñan acomodo nos seus orzamentos. E ao día seguinte estaba dicindo nos medios de comunicación que pedíamos ilegalidades”, lembrou Alejandro Manteiga, que se preguntou se “agora resulta que pedir unha partida para promoción e apoio a emprendedores é ilegal. Pedir unha campaña de promoción do comercio local é ilegal. Pedir melloras en estradas e alcantarillados nas parroquias tamén é ilegal”.

Por iso, o voceiro municipal indicou que “os socialistas non confiamos en vostede, nin no seu equipo de Goberno e, moito menos, nestes orzamentos, que non son os que os veciños e veciñas de Ordes necesitan”. Unha perda de confianza que ampliou tanto aos distintos grupos municipais como aos ex concelleiros do PP, “que son os que mellor o coñecen e tampouco confían en vostede”.